sábado, 6 de mayo de 2017

Avaliacións Externas en Primaria


Estamos  no último trimestre escolar e chegan as avaliacións externas que irrumpen nos centros como elemntos alleos que non teñen relación co noso traballo diario, totalmente descontextualizadas. 
Este artigo fai unha reflexión sobre este tipo de avaliacións e sobre e outras maneiras de avaliar na etapa primaria. 



 No artigo 21 da lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE), modificada pola lei orgánica  8/2013, do 9 de decembro, establécese a realización dunha avaliación de carácter diagnóstico, en terceiro curso de Educación Primaria en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

En relación á avaliación en sexto de primaria, as competencias avaliadas son: competencia en comunicación lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

As probas de 3º de primaria presentábanse como un instrumento para detectar de maneira precoz as dificultades na aprendizaxe. É moi cuestionable que a través dunha proba que se lle fai aos alumnos, nun momento determinado baixo unhas condicións e circunstancias pouco contextualizados coas situacións de aprendizaxe dese centro, podamos detectar dificultades de aprendizaxe sen ter unha observación máis completa das súas actividades na aula, traballos que realiza, entrevista coa titora, mestres que día a día se relacionan co alumno.

Por outra banda, tamén podemos pensar que se xa hai nenos con dificultades de aprendizaxe nesa aula, garánteselles moi poucas condicións para que poidan demostrar a súa aprendizaxe con este tipo de probas estandarizadas onde predomina a lectoescritura como principal elemento dentro do proceso evaluador. Ten que haber distintos modelos e formas de avaliación para que sexa eficiente.

As probas externas non están dentro do contexto socieducativo onde se aplican. O só feito de realizalas provoca tensión e ansiedade, non só nos alumnos que teñen que levalas a cabo senón tamén nos profesores do centro. Os directores ven detrás a sombra da estigmatización do centro segundo os resultados da proba, do alumnado, dos profesores.


                                        
                                                             foto visualhunt


Os alumnos de primaria están nunha etapa de desenvolvemento de hábitos, autonomía persoal. Iso quere dicir que están a coñecer os seus intereses, coñecendo as súas posibilidades e as súas capacidades para desenvolverse na vida. As situacións de aprendizaxe que respectan ritmos de desenvolvemento, tempos madurativos son as que se seguen en Educación Infantil pero tamén en Educación Primaria.

Os ritmos de aprendizaxe son moi dispares a estas idades. Nenos, nenas que tardan en ler e escribir, alumnos aos que lles custa máis xeneralizar e aplicar os novos coñecementos. 
A diversidade está presente nas nosas aulas, tentar medir baixo un criterio homoxeneizador pode ser interesante estadísticamente, pero non creo que sirva para favorecer dinámicas concretas, para a mellora da ensino - aprendizaxe deses alumnos no seu centro, ou que sexa necesario para promocionar ao Instituto.


É necesario nestas idades de desenvolvemento físico, persoal, social, emocional, na que están a aprender a contactar co mundo, a xestionar emocións, a planificar tarefas, a relacionarse, a ter criterios propios aplicar estas probas externas?

Precisamente ao estar en desenvolvemento, os profesores que están na aula a diario intercambiando dinámicas e observando procesos, serán os que coñecerán mellor a evolución dese alumno e poderán sinalar mellor cales son os puntos fortes nos que teñen que apoiarse os seguintes acompañantes, guías, moderadores da súa aprendizaxe, e cales son os seus puntos débiles que haberá que reforzar e que aspectos metodolóxicos, de material e espazo teremos que adaptar para favorecer o seu desenvolvemento persoal.


Son estas probas tan necesarias para diagnóstico de dificultades ou son meramente estatísticas?
A escola participativa, social, compensadora das desigualdades, escola non competitiva, unha escola non segregadora, inclusiva, ... non avoga por probas que crean desigualdades, estudantes de primeira e de segunda fila.

Que imaxe estamos a darlle aos novos integrantes da sociedade con respecto a como se valora o que eles coñecen, aprenden, integran na escola? E que se valora? Onde queda a arte, música, filosofía ... ?

Isto está acorde coas teorías, expostas polos expertos en educación, que falan das intelixencias múltiples que cada persoa pode ter máis ou menos desenvolvida. 
Mediante unha proba estandarizada para todos e todas nuns tempos concretos onde predomina a lectoescritura como medio de valoración do que un sabe?



Tensión, preocupación, ansiedade.

Os pais e nais tamén vivencian esa tensión no período destas probas o que supón máis carga emocional, de inseguridade e responsabilidade para os seus fillos. Por iso, un gran número deles están en contra desta proba "presión" tanto en terceiro de primaria como en sexto de primaria. Así tamén o sinala A Confederación Estatal de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA).

É necesario que os alumnos de primaria teñan que pasar por estas situacións de incerteza?

O director do Observatorio internacional da profesión docente, Francisco Imbernón, considera que "deberíase confiar máis no profesorado e nos centros que xa realizan avaliacións", posto que estima que "son os que mellor coñecen o que pasa".


O cambio de centro en si xa produce nos alumnos e alumnas inquietude. Por iso prepáranse programas para o achegamento progresivo ao novo centro que é o Instituto. Na maioría dos centros temos un programa de transición de educación Primaria a Educación Secundaria para facer actividades conxuntas co alumnado de ambos os centros.

Tamén temos reunións, se é certo que poderían facerse con máis frecuencia, de profesores de primaria e profesores de 1º da ESO onde se ve por parte de todos que é o básico, que necesita un alumno para manexarse, seguir a andaina da súa aprendizaxe e tamén se fala do prescindible, do que non é necesario que todos e todas traian aprendido, posto que os alumnos son diferentes entre si, e tamén se fala de como atendemos a diversidade.
    


Para que necesitamos máis datos cando temos unha relación directa entre Profesores, Orientadores, Xefes de estudo, Directores? 
É necesario unha revalorización da figura docente. Con este tipo de probas ponse en xuízo a importancia da avaliación do docente.  

Necesitamos instrumentos de selección para a mellora educativa ? Necesitamos máis instrumentos de diagnóstico ou potenciar, favorecer, apoiar os que xa existen?

A escola ten que desenvolver uns mecanismos de autoevaluación, de regulación do seu proceso de ensino-aprendizaxe dunha maneira colaborativa entre todos os integrantes do centro educativo.

As reunións de avaliación deberían ser máis construtivas, non só para informar da chegada ou non chegada á media estandarizada para pasar ao seguinte trimestre.

A avaliación continuada segue presente nas nosas escolas, pero como unha idea que queda paralizada na época de ver os resultados inmediatos.

A avaliación ten que ver logros ao longo do  proceso educativo e ter en conta de maneira constante a reconducción, modificación e axuste para que a aprendizaxe prodúzase.


Necesitamos unha avaliación con carácter formativo. Non esquezamos que estamos a falar de probas a realizar durante a escolaridad obrigatoria.





publicado en Colectivo Orienta

Celia Molares